Wednesday 01 de May de 2024

Ángeles Vázquez salienta que a Xunta apoia aos concellos na xestión dos biorresiduos en liña con prazos da directiva europea


— Ángeles Vázquez denuncia que o horizonte marcado polo Goberno central, xaneiro de 2022, reduce en dous anos a data que fixou a Unión Europea ás administracións locais para implantar o contedor marrón

— Defende as políticas e medidas en materia de residuos do Goberno galego, que pensa nos cidadáns e axuda aos concellos, fronte ao modelo do Executivo estatal que implica “máis impostos á cidadanía e máis trabas”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aclarou esta mañá que o Goberno galego ten unha folla de ruta “obxectiva e operativa” para apoiar aos concellos e colaborar con eles na xestión dos biorresiduos, sempre “en liña cos prazos da directiva europea”.

Ángeles Vázquez, na súa intervención no Pleno do Parlamento, lembrou que a Unión Europea fixa que as administracións locais deben implantar o quinto contedor antes do 31 de decembro de 2023 e así se recolle na Lei de residuos de Galicia.

Non obstante, trátase dun horizonte que “non convence ao Goberno estatal, ao fixar xaneiro de 2022 no seu anteproxecto de Lei” e, polo tanto, marcando datas máis restritivas nunha norma que, como sinalou, ”aínda é un borrador”.

Neste sentido, a conselleira lamentou que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) “se alegre” dunha “suposta” ampliación deste prazo ata xuño de 2022, cando o que realmente sucede é que están a reducir nun ano e medio o período que marcou Europa. Así, argumentou que estas afirmacións só deixan ver que este tipo de decisións se anuncian “sen ter en conta a realidade e as capacidades dos concellos”, que son as administracións que teñen que reformular os seus contratos.

A conselleira salientou que o Goberno galego non só coñece esa realidade, senón que leva anos definindo recursos e medidas para ampliar a capacidade de quen terá que implantar este novo contedor: os municipios.

Este traballo acadou un dos seus primeiros fitos coa aprobación da Lei de residuos, que aposta pola redución do desperdicio alimentario e do plástico, e recentemente sumou un novo pulo, coa presentación da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023. Recordou que está dotada de 60 millóns de euros para completar a rede de infraestruturas necesarias, coa que garantir que os concellos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou unha planta de transferencia a menos de 50 km de distancia.

En definitiva, a Xunta, coas súas políticas en materia de residuos, pensa nas familias galegas e nos municipios, que verán reducido un ano máis o canon de Sogama para o ano 2022 e isto suporá un aforro de case 9 millóns de euros, mentres que o Goberno central aplica “máis impostos á cidadanía e a máis trabas ás administracións locais”.

O modelo Sogama como referente
Así mesmo, Ángeles Vázquez afirmou que, por este tipo de decisións e medidas, o modelo de xestión de residuos da Xunta —Sogama— é un referente en España e Europa “ao que están adheridos en Galicia concellos de todas as cores políticas”; o que tamén sitúa a Comunidade como rexión referente na loita fronte ao cambio climático.

Subliñou que esta posición acaba de ratificarse en Glasgow, coa presenza na COP26 e onde tamén se reafirmou a adhesión da Comunidade ao Memorando de Entendemento Under2 2021, unha presenza que permite dicir que “Galicia vai moi por diante e leva anos materializando as declaracións e obxectivos en accións e medidas” para mitigar os efectos do cambio climático.

Nese sentido, indicou que o paso adiante desta pasada fin de semana é o mellor alicerce para seguir traballando nesa senda, e ser parte positiva na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, co obxectivo de contribuír a manter o aumento da temperatura media global por baixo dos 2˚C ao final deste século, pero co obxectivo de que non supere os 1,5ºC na medida do posible.